O Salnés desprega encantos ante a primeira delegación chinesa

CAMBADOS> A Mancomunidade do Salnés avanza na súa conquista do mercado turístico chinés. Estes días, a comarca está a recibir a visita dunha delegación do país asiático, grazas aos primeiros contactos establecidos no Fórum Internacional de Alcaldes celebrado en China no mes de xuño. Polo de momento, as impresións son boas: cren que O Salnés ten moitos atractivos para  chamar a atención do turista chinés.

A primeira delegación chinesa percorre dende onte a comarca do Salnés. A Mancomunidade ten tres días para amosarlles un resumo dos encantos da zona, no que é un paso máis cara a conquista deste mercado turístico.

Esta visita é o primeiro froito da participación da Mancomunidade no Fórum Internaiconal de Alcaldes celebrado en xuño en China. Marchan mañá, pero xa participaron na procesión do Carme de Cambados, coñeceron o traballo no mar e visitaron unha batea.

A intención é coñecer as impresións desta delegación para desenvolver estratexias que permitan á Mancomunidade atraer o turismo do xigante asiático cara O Salnés. A folla de ruta é similar á seguida co turismo ruso, pero con unha vantaxe: o mercado turístico chinés medra o dobre que no resto do mundo.

O turismo chinés é moi atractivo para a comarca. Segundo os datos que manexa a Mancomunidade, os seus viaxeiros teñen un gasto medio de 2.500 euros por persoa e día. Actualmente, O Salnés xa figura entre os paquetes que oferta unha axencia de touroperadores do xigante asiático, dirixido ao turismo VIP.