Moldes “estamos ante o peor ano de xestión turística da Deputación”

Pontevedra> Dende o PP Provincial cualifican este 2018 como o peor ano en relación á xestión turística dende a Deputación Provincial. O voceiro dos populares denunciou, nesta xornada, que as oficinas de información turística non conten co reforzo habitual de persoal por parte da Deputación. Moldes considera que o plan de prácticas de turismo estivo mal xestionado dende o principio.

Dende as filas do PP Provincial criticaron nesta xornada a ausencia de persoal por parte da Deputación que están sufrindo moitas oficinas de Turismo da Provincia durante este verán.

Con este resultado, con este mal funcionamento do plan de prácticas de turismo, dende o PP consideran que unha vez máis se pon enriba da mesa a pésima xestión e á incapacidade á hora de solventar problemas do Goberno Bipartito.

Por esta razón dende o PP fan un chamamento á presidente co fin de que explique as razóns polas que as oficinas de turismo non están traballando ao 100 por 100 durante este verán.

Para Moldes, este plan de prácticas de turismo estivo mal xestionado desde o principio. Segundo o voceiro popular este plan debería terse deixado en mans dos concellos, abrir unha convocatoria de subvencións destinada aos concellos para dotar de persoal ás oficinas e que o xestionasen eles directamente. En lugar diso, engadiu Moldes, dende a Deputación convocaron directamente e o resultado é que foi incapaz de cubrir todas as prazas.