GALICIA> Trinta anos é un aniversario que ben merece celebrar. Máis aínda cando estas tres décadas deixan un balance positivo. Por iso, dende a Confraría dos Viños do Condado do Tea, e o concello de Salvaterra, non quixeron pasar por alto este cumpreanos a Denominación de Orixe Rías Baixas.
Destacar o camiño percorrido pola DO e, ademais, homenaxear aos seus pioneiros. Sobre o escenario estiveron preto de 30 persoas que viron nacer este selo de calidade. E que apostaron polo seu produto, convencidos da calidade do albariño. No seu nome falou Marisol Bueno, a primeira presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Marisol Bueno recordou o xermolo do que hoxe en día é a Denominación de Orixe máis importante de Galicia, e que está entre as principais de España. Eles, os emprendedores, deron forma ao proxecto dende cero.
Neste camiño difícil, estes pioneiros tiveron un aliado de luxo: o viño. Un produto de calidade no que sempre confiaron.
Pasados 30 anos, o panorama é moi diferente, pero hai algo que non muda: a calidade dos produtos de Rías Baixas. Na actualidade, a Denominación de Orixe está nun momento doce e de crecemento, que fan que ano a ano gañe máis peso a nivel nacional e internacional.
Estas cifras non pasan desapercibidas tampouco para as administracións. Os representantes do concello e da Xunta de Galicia felicitaron os fundadores de Rías Baixas e destacaron o percorrido feito pola Denominación de Orixe.
Hoxe, o pasado, o presente, e o futuro da Denominación de Orixe Rías Baixas uníronse en Salvaterra. Os pioneiros recibiron unha sentida homenaxe dos que nestes momentos lles colleron a testemuña, traballando por un selo de calidade que non para de medrar. E é que a pesares das dificultades que se poidan atopar no camiño, o que non falla é a calidade do seu produto.