Xunta e hostaleiros, partidarios dun fondo de cooperación no que participen todas as administracións

GALICIA> A Xunta e o sector da hostalaría xa traballan nun segundo plan de rescate para o sector. Tanto o goberno galego como os representantes dos hostaleiros coinciden na necesidade de crear un fondo de cooperación no que participen tódalas administracións. Poñen a ollada no modelo impulsado pola Comunidade Valenciana, onde Generalitat, deputacións e achegan financiamento a un fondo común para salva-la hostalaría.

Coas novas restricións a piques de entrar en vigor, a Xunta e o sector da hostalaría traballan xa nun segundo plan de rescate para facer fronte ó novo contexto.

O goberno galego mantivo xa un encontro con representantes do sector para consensuar novas liñas de apoio aos establecementos nesta fase da pandemia. Coinciden na necesidade de que tódalas administracións se impliquen.

Sobre a mesa, a posibilidade de implantar aquí en Galicia un fondo de cooperación Covid-19 que conte coa participación da Xunta de Galicia, deputacións e os grandes concellos. É o que xa se está a facer na Comunidade Valenciana, onde Generalitat aporta o 50% da axuda, as deputacións o 30 e os concellos o 20% restante.

O modelo convence tamén ó sector, que coincide coa Xunta na necesidade de que as administracións fagan fronte común para suaviza-lo impacto das restricións.

Entre tanto, a primeira convocatoria do Plan de rescate xa completou case o 80% dos pagamentos a máis de 32.000 solicitantes. De momento, as axudas roldan os 65 millóns de euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí