SALNÉS> A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés vai levar adiante peches reivindicativos en seis concellos da comarca. Fano para protestar contra a nova Lei de Saúde que, previsiblemente, sairá adiante no Parlamento Galego, coa maioría do PP. Dende o colectivo insisten en que o texto é prexudicial para O Salnés.
Entre o 5 e o 20 de marzo, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés organizará seis peches reivindicativos, contra a aprobación da Lei de Saúde de Galicia. Previsiblemente, o novo texto inicie o seu debate parlamentario o vindeiro día 20, unicamente cos votos a favor do Partido Popular. Así e todo, dende o colectivo queren visibiliza-lo rexeitamento á norma por parte non só do colectivo médico, senón que de boa parte da cidadanía
Segundo apuntan, a nova Lei suporá o desmantelamento da área sanitaria do Salnés. Por iso, a Plataforma pide a colaboración dos concellos da Illa, Ribadumia, Vilanova, Catoira, Cambados e Vilagarcía para que apoien as súas reivindicacións. A intención do colectivo e desenvolve-los seus peches no salón de plenos de cada municipio. Con todo, recoñecen que no caso de Vilanova vai ser moi complicado que o goberno local lles traslade o seu apoio.
A plataforma contou hoxe co apoio do BNG. Os nacionalistas apuntan que aínda que a nova lei saía adiante, van continuar loitando na defensa da sanidade pública. Segundo indican, o rexeitamento social á nova norma é evidente.