Ata 350 euros por fillo na volta ao cole

VILAGARCÍA> Quedan pouco máis de dúas semanas para a volta o cole e, a estas alturas, as papelerías convértense nun ir e vir de xente facendo acopio de libretas, estoxos e mochilas.  Este ano, semella que aquilo de deixalo todo para última hora foi mudando un chisco: moitos xa mercaron todo o que necesitan, o que tamén se traduce nun aforro para os nosos petos. Así e todo, este ano, de media, gastaremos algo máis de 260 euros por neno.

Ó calendario quédanlle xa poucas follas para chegar ó 12 de setembro. Ese día arrancan en Galicia as clases no segundo ciclo de Educación Infantil, Educación Especial e Educación Primaria. Por diante, os rapaces terán que facerlle fronte a uns 175 días lectivos para os que, polo de agora, toca equiparse.

Nas papelerías, pequenos e maiores buscan xa os mellores produtos para o curso que está a piques de comezar. E seica, este ano, a campaña arranca intensa. Cada vez máis persoas apostan por mercar con antelación, algo que tamén pode supoñer un importante aforro. Con todo, o clásico de deixar todo para última hora segue á orde do día, moitas veces por recomendación dos propios centros.

De media, o gasto por alumno en Galicia superará este ano os 260 euros, un 9% máis que o ano pasado. Con todo, hai estudos que elevan esa cifra ós 500 euros. A metade do orzamento marchará en libros de texto, roupa e calzado. Así e todo, a lista de necesidades semella case que interminable. E seica son poucos os pais e nais que reciclan o material de anos anteriores. Para aqueles que o peto llo permite, semella que gana máis a ilusión do neno que o aforro.

Con todo, dende a Unión de Consumidores recomendan non deixarse levar polos desexos do menor, segundo din, para inculcar xa dende ben pequenos valores como o respecto e a conservación dos seus útiles de traballo. A OCU tamén recomenda non recorrer a créditos rápidos para financia-los gastos da volta ó cole xa que, segundo explican,  os seus elevandos xuros poden acabar poñendo contra as cordas a economía familiar.