BARBANZA> O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou na Cidade das TIC da Coruña no acto de presentación dos primeiros avances do que será o maior estudio audiovisual virtual de España.
No acto estivo acompañado da secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, María González Veracruz, así como outras autoridades entre as que se atopaba tamén o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones ou o presidente do Clúster Audiovisual Galego, Jorge Algora.
Na súa intervención González Formoso asegurou que este estudio audiovisual virtual será o primeiro gran proxecto audiovisual que se fará realidade na Cidade das TIC, a principios de 2024.
O proxecto, que será de nova construción na Cidade das Tic, na Coruña, terá unha superficie de aproximadamente 1.600 metros cadrados. Permitirá crear contidos inmersivos para producións de ficción, realidade virtual e aumentada, que son de aplicación no campo cinematográfico, televisivo, publicitario ou dos videoxogos.
A actuación contará cun investimento de case 8 millóns de euros, dos que 5 millóns estarán financiados a través dos Fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España e ó redor de 3 millóns con fondos propios da Deputación da Coruña.