PONTEVEDRA> Os xardíns de Vicenti acolleron esta mañá un acto para conmemorar o Día Internacional da Memoria Trans. Máis dun centenar de rapazas e rapaces de tres centros educativos asistiron á lectura do manifesto e á presentación da curtametraxe “Sorrisos transformadores”.
No Día Internacional da Memoria Trans, a Deputación de Pontevedra quixo sumarse ás reivindicacións do colectivo mediante un acto no que se leu un manifesto e se inaugurou un banco decorado coas cores que o representan.
Carmela Silva reivindicou o dereito de todos, todas e todes a elixir en liberdade e igualdade.
A presidenta da Asociación Arelas de Familias de Menores Trans, apelou ó apoio necesario de toda a sociedade.
Brais Fernández, tamén membro do colectivo Arelas, foi o encargado de ler o manifesto, no que lembrou e honrou a vida das persoas trans que foron asasinadas nos últimos anos e tamén reivindicou o dereito do colectivo a vivir en espazos seguros, empezando pola infancia e a adolescencia.
Tamén fixo fincapé nos distintos eidos nos que as persoas trans son discriminadas.
O acto completouse coa proxección da curtametraxe “Sorrisos transformadores”, dirixido por Noemí Chantada, no que se narran experiencias vividas por menores trans. Co mesmo nome desenvólvese dende o 2016 unha campaña de visibilidade e sensibilización para a prevención de comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou identidade de xénero, que xa ten chegado a 40 concellos da provincia. Á proxección asistiron máis dun cento de alumnas e alumnos do IES Montecelo, o CIP A Xunqueira e o IES Torrente Ballester.









