ENCE presenta o seu plan social, de 3 millóns de euros, para o 2018

Pontevedra> A empresa ENCE presentou o seu plan social para este 2018. Un acto que tivo lugar na Delegación da Xunta en Pontevedra e ao que asistiu o vicepresidente do Goberno Galego. A papeleira investirá neste plan para este ano 3 millóns de euros, os interesados en presentar o seu proxecto terán de prazo un mes, dende mañá 20 de marzo ata o 20 de abril.

A empresa ENCE presentou esta mañá a segunda convocatoria do Plan Social para Pontevedra, Marín e Poio. Un plan que neste 2018 contará cun investimento de 3 millóns de euros. Unha iniciativa que forma parte do Pacto Ambiental entre a consellería de Medio Ambiente e a papeleira.

As bases do programa, e toda a información relacionada con esta 2ª convocatoria do Plan, poderán ser consultadas en www.ence.info/plansocialpontevedra . Os interesados en presentar a súa solicitude terán de prazo ata o 20 de abril. E poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas ou xurídicas que presenten o proxecto nos concellos de Pontevedra, Poio e Marín.

As áreas de actuación son 8 neste 2018. Delas o que máis diñeiro leva é o apoio ao deporte de base con 900 mil euros, seguido dos 600 mil para o impulso ao emprendemento e innovación, 530 mil a loita contra a exclusión social, 400 mil a recuperación da contorna, 300 mil apoio e axudas á educación e cultura, 200 mil a axudas veciñais diversas, 50 mil a administración, xestión e comunicación e 20 mil a dixitalización do proceso de solicitudes e adxudicación de axudas.