Cáritas desprega unha campaña por Vilagarcía para facer visibles as persoas sen fogar

VILAGARCÍA> Cáritas Interparroquial de Arousa quere darlle visibilidade ás persoas sen fogar a través dunha campaña promovida dende a Casa de Acollida de San Cibrán. A organización humanitaria explica que ninguén está libre de acabar nesa situación, polo que piden unha maior concienciación social para que ninguén se teña que ver na rúa.

Esta silueta pode que sexa como unha persoa sen fogar. Está aí, preto de nós, pero pasa desapercibida. Esta é a esencia da campaña ‘Estou tan preto que non me ves’, impulsada por Cáritas Interparroquial de Arousa para conmemorar o Día das Persoas sen Fogar, que se celebra o vindeiro domingo. A través de varias siluetas brancas, colocadas en diferentes puntos de Vilagarcía, como Ravella, a Praza de Abastos ou o Centro de Saúde, preténdese chamar a atención sobre a realidade das persoas sen fogar. As siluetas están sendo custodiadas polos 9 residentes que, a día de hoxe, acolle esta Casa de Acollida de San Cibrán.

A campaña busca tamén sensibilizar á cidadanía: o seguinte podes ser ti. Por esa razón a Casa de San Cibran tamén organiza este xoves unha xornada de portas abertas. Nesta casa de acollida conviven arestora nove persoas, incluída unha familia con fillos. Para conseguir poñer couto a esta realidade, Cáritas reivindica unha renta mínima e un xiro nas políticas de vivenda.

Nesta casa de acollida, os residentes traballan con proxectos personalizados, na procura da súa inserción na sociedade. Traballan diariamente cun firme obxectivo: poder marchar cun emprego ou unha prestación social. De media, sóeno conseguir ó ano ou ós dous anos de chegar ó fogar de acollida. En España contabilízanse unhas 40.000 vivindo na rúa. Dese total, en Vilagarcía contabilízanse, 12 persoas nesta situación, ás que, ademais, hai que sumar aquelas que viven en pisos-patera, en coches ou mesmo en vellas autocaravanas.