Joan Clos fala do espazo público para a convivencia en Urbtopías

PONTEVEDRA> Joan Clos visita estes días Pontevedra con motivo da súa participación no foro Urbtopías. Recén chegado á Boa Vila adiantou os contidos da súa intervención no ciclo de charlas sobre as cidades posibles e gabou o modelo pontevedrés como exemplo a imitar.

Joan Clos, ex-alcalde de Barcelona e director executivo do programa das Nacións Unidas para os asentamentos humanos, foi o encargado, xunto co alcalde de Pontevedra, de inaugurar os encontros do foro Urbtopías, no que se falará de espazos públicos, cidades amables e do futuro dos asentamentos urbanos.

Á súa chegada á cidade foi recibido no concello, onde destacou a Pontevedra como exemplo para urbes de todo o mundo, pola súa recuperación do espazo público para os cidadáns cun custe razoable.

Sobre a réplica do modelo pontevedrés, Fernández Lores explicou que nas cidades máis grandes é máis necesario e debería ser máis doado.

Joan Clos explicou as problemáticas ás que se enfrontan as cidades actuais: o cambio climático, as desigualdades urbanas e as migracións, e suxeriu a receita para combatelas.

Urbtopías celebra as súas conversas no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. As próximas citas terán lugar o 29 de novembro, e o 11, 13 e 20 de decembro, coa participación de expertos internacionais en arquitectura, urbanismo, mobilidade e xestión cultural.