Os veterinarios maniféstanse en Pontevedra contra o decreto que ‘anula’ o seu criterio clínico

PONTEVEDRA> Multitudinaria manifestación a celebrada esta mañá en Pontevedra. Numerosos profesionais veterinarios acudiron á convocatoria para amosar a súa oposición ao novo decreto impulsado polo Goberno Central. A norma limita a distribución, prescrición e uso de medicamentos veterinarios e mesmo obrígalles a declarar os antibióticos prescritos en animais de compañía. Denuncian que dificulta o seu labor profesional e pon en perigo a saúde das mascotas ao seu cargo. A protesta estaba convocada a nivel estatal.

Máis dun cento de persoas, a maioría profesionais veterinarios, manifestáronse hoxe en Pontevedra. Atendían a unha convocatoria a nivel estatal para amosar o seu rexeitamento ao Real Decreto 666/2023 que regula a dispensación e o uso de medicamentos nas súas clínicas.

Denuncian que esta norma supón unha carga burocrática inasumible para as clínicas. Ademais de anular o criterio clínico dos veterinarios.

O decreto establece catro niveis de tratamento. En base a isto, os profesionais teñen que ir aplicando sempre dende o primeiro ata o último. Unha norma que deixa de lado o seu criterio, encarece os tratamentos e provoca moitas demoras que poden poñer en perigo a vida do animal.

Este decreto foi a pinga que encheu o vaso pero os profesionais veterinarios levan anos con numerosas demandas sobre a mesa. Entre elas, que a veterinaria sexa considerada como unha profesión sanitaria, que se convoquen prazas de formación sanitaria especializada a licenciados en veterinaria ou a baixada do IVE actual que se sitúa no 21%.

A concentración desenvolveuse diante da Subdelegación do Goberno. Despois, desprazáronse ata a rúa Michelena, ás portas das oficinas da Administración Xeral do Estado. Ademais, houbo peches parciais das clínicas veterinarias.