PONTEVEDRA> A Asociación Amizade, que forma parte da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, organizou nesta xornada unha concentración no centro histórico pontevedrés para reclamar melloras de accesibilidade nos edificios de vivendas. Denuncian que moitas persoas con discapacidade se ven recluídas nas súas casas por non estar adaptados os accesos e zonas comúns.
Máis do 75% dos edificios de vivendas presentan dificultades de acceso para persoas con discapacidade. Ante esta situación, que os mantén moitas veces recluídos nas súas casas, membros da asociación Amizade concentráronse na Praza de Ourense para reclamar que se cumpra a obriga legal de garantir que todos os bens, produtos e servizos sexan accesibles para tódalas persoas con discapacidade.
“Queremos unha casa, non un cárcere” foi o berro común en 37 puntos de España. Coa campaña #Arrestópolis demandan que se garanta o dereito a saír e entrar das súas propias casas de maneira autónoma e independente.
Aínda que a Lei de Propiedade Horizontal obriga á realización das obras e actuacións necesarias para garantir a accesibilidade universal, as comunidades de veciños poden decidir non facelo se o custe da derrama por propietario supera as 12 cotas.
Menos dun 1% dos edificios do nosos país son plenamente accesibles, e 6 de cada 10 non permiten o acceso da rúa ó portal. Moitas persoas con discapacidade vense obrigadas a cambiar de vivenda.
Para poder levar a cabo estas obras de accesibilidade solicitan ás administracións axudas específicas.
No acto, leuse un manifesto pola accesibilidade universal en edificios de vivendas e pola modificación da Lei de Propiedade Horizontal.