MARÍN> O Auditorio de Marín xa é unha realidade. Logo de moitos anos de trámites, xestións e obras a nova infraestrutura cultural xa está aberta ao público. Trátase dun edificio de 2.000 metros cadrados, cun escenario que mira ao mar e que conecta a zona do porto coa vila. O auditorio supuxo un investimento de máis de seis millóns de euros, financiado pola Xunta, o Concello e con Fondos Feder. O acto de inauguración estivo encabezado polo presidente da Xunta e a a alcaldesa de Marín, xunto con outras autoridades.
A cultura de Marín xa latexa no seu novo auditorio. Centos de veciños asistiron á apertura desta nova infraestrutura cultural, situada no Paseo Alcalde Blanco.
Un soño cumprido, dixo a alcaldesa, polo que a vila levaba moitos anos agardando. O novo auditorio ten unha capacidade para 500 persoas. Un salto cualitativo e cuantitativo que elevará a potencialidade da oferta cultural na vila.
Para chegar ata aquí houbo que superar multitude de trámites, xestións e tamén atrancos, que deron paso a catro anos de obras. Máis alá das dificultades nos trámites, o custo económico tamén condicionou o proxecto. Para erguer este edificio e enchelo de todos os equipos técnicos precisos fixeron falta 6,4 millóns de euros. Ademais do esforzo do concello, a Xunta achegou 2,7 millóns e contouse tamén con financiamento europeo dos Fondos Feder.
O presidente da Xunta destacou que o novo auditorio suporá un impulso importante para a dinamización cultural, social e mesmo turística de Marín.
O auditorio ten unha superficie de 2.000 metros cadrados. Foi construído nunha parcela da Autoridade Portuaria, unindo ese espazo co centro da vila. Este luns arrancou a plantación dos xardíns da contorna. O seguinte paso, dotalo de contido.
A posta de longo do auditorio foi apadriñada polo gaiteiro Carlos Núñez, que puxo o broche de ouro ao acto










