A Sétima Feira pasará o Nadal nas Galerías Oliva

PONTEVEDRA> Sétima Feira trasladarase durante o Nadal ás Galerías Oliva. O mercado alternativo de deseño e arte ocupará 11 locais da céntrica área comercial dende o 21 de decembro ó 5 de xaneiro. Despois volverá á súa ubicación habitual, no primeiro andar do Mercado de Abastos, que nestes momentos se atopa en obras.

Volve Sétima Feira e faino, por mor das obras na súa sede tradicional, nunha localización alternativa: As Galerías Oliva.

Os postos, que ocuparán 11 locais cedidos polos seus propietarios, estarán abertos en horario comercial. Tamén se programarán actividades de dinamización a cargo dos expositores.

Ademais, celebraranse cinco citas Sétima Feira, no seu formato tradicional, é dicir, con actividades infantís e actuacións musicais. A primeira terá lugar o día de inauguración do evento, o 21 de decembro, cun concerto ás 20 horas. As seguintes serán o 24, 27 e 29 de decembro e o 4 de xaneiro.

Ó obxectivo xenérico de Sétima Feira de dar visibilidade ó potencial creativo de Pontevedra e promover o seu comercio local, engádese nesta ocasión o interese por revitalizar este céntrico e emblemático espazo comercial da cidade, moi castigado pola crise.

Os interesados en participar na Sétima Feira deberán remitir as súas propostas ao enderezo electrónico setimafeira@pontevedra.gal.  Co novo ano e xa co primeiro andar do mercado de abastos reformado, Sétima Feira regresará a súa sede habitual.