Joan Busquets defende as experiencias “piloto” no redeseño das cidades

PONTEVEDRA> Joan Busquets pechou esta tarde Urbtopías cunha conferencia sobre os valores da cidade. O foro serviu durante os dous últimos meses para reflexionar sobre o futuro urbano por medio de encontros mantidos con expertos do ramo. Antes da súa intervención, Busquets visitou o concello, onde adiantou os temas que trataría máis tarde no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

Joan Busquets pechou coa súas conferencia “Os valores da cidade” o foro sobre as cidades posibles “Urbtopías”. O catedrático de planificación e deseño urbano en Harvard participa dende os anos 90 no desenvolvemento de proxectos para cidades de todo o mundo. No noso país participou, como director de urbanismo, nos preparativos dos Xogos Olímpicos de Barcelona 92.

Busquets explicou que as cidades do século XX daban resposta ás necesidades dos coches, e que no XXI os cidadáns reclaman outras cousas, o que obriga a repensar as urbes.

En canto á maneira de facer este redeseño, Busquets aposta polo ensaio-erro, desenvolvendo experiencias piloto. Segundo o arquitecto e urbanista é o modo de que os cidadáns acepten o cambio.

Despois da recepción no concello, Joan Busquets percorreu a cidade acompañado de Anabel Gulías e César Mosquera, para coñecer en persoa o traballo desenvolvido en Pontevedra, do que tiña lido moitas referencias.