PONTEVEDRA> Facer do Museo de Pontevedra o Museo Nacional de Galicia. Este é o compromiso que lanzou o BNG pontevedrés na primeira xornada de campaña electoral. Apoiado pola súa portavoz nacional Ana Pontón, Miguel Anxo Fernández Lores defendeu que o Museo de Pontevedra ten as características para converterse no buque insignia de toda Galicia.
O BNG aposta por facer do Museo de Pontevedra o Museo Nacional de Galicia.
Miguel Anxo Fernández Lores defendeu a aposta que dende o concello se fixo a prol do Museo de Pontevedra, dependente da Deputación. Agora agárdase que dea un importante salto adiante coa rehabilitación dos edificios centrais e a incorporación de Santa Clara.
A portavoz nacional do BNG tamén converteu esta aspiración nun compromiso propio. Ana Pontón asegurou que, de chegar a ser presidenta da Xunta tralas eleccións do vindeiro ano, o Museo de Pontevedra pasará a ser o Museo nacional de Galicia.
No seu programa electoral, os nacionalistas fan unha forte aposta no eido da cultura e a creatividade. Así, entre as propostas están a recuperación da bienal de arte, a creación dun laboratorio de creatividade no antigo conservatorio de música ou impulsar unha aceledora de empresas de economía social.