PONTEVEDRA> Pontevedra aposta por converter os Premios Feroz nunha aula aberta para o estudantado e o voluntariado da cidade. Máis de 80 alumnas e alumnos da Universidade de Vigo, o Centro Integrado de FP Carlos Oroza e da Aula Municipal de Teatro intégranse na organización da cita. A eles súmase o Coro do Instituto da Xunqueira I, que actuará na gala deste sábado.
Dos Premios Feroz tamén se aprende. O concello de Pontevedra aposta por converter este importante evento nunha oportunidade formativa para o estudantado da cidade. Así, máis de 80 alumnos e alumnas están a participar de xeito voluntario na súa organización.
Entre os voluntarios que colaboran, están os nove integrantes da Aula de Teatro Municipal. Están a facer de dobres dos presentadores oficiais durante os ensaios. Unha experiencia nova para todos eles.
Outra das entidades que participan nos Feroz é o Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza. No seu caso, a colaboración involucra a estudantes dos ciclos de guía e asistencia turística e á primeira promoción do novo máster de FP en Coordinación de Persoal para eventos.
Dende a Facultade de Comunicación ven toda a experiencia como unha oportunidade para o seu alumnado de entrar en contacto directo coa realidade profesional do sector. Non só na organización da gala; tamén en todas as actividades que se desenvolveron ao longo do ano.
A eles súmase o Coro do Instituto da Xunqueira I. Como xa anunciaron dende a organización dos Feroz, actuarán durante a gala deste sábado.











