POIO> O Tapea Poio acenderá os seus fogóns do 1 ao 17 de maio. A iniciativa segue medrando acadando nesta terceira edición os 28 petiscos e a participación de 23 establecementos de todo o concello. O certame inclúe dúas modalidades de tapas, as creativas e as tradicionais. Todas elas, a un prezo único de 4 euros. A proposta, ademais, repartirá 10.000 euros en premios.
Maio arranca coa gastronomía como gran protagonista no concello de Poio. Do 1 ao 17 do mes que vén celebrarase a terceira edición de Tapea Poio.
A cita segue medrando, acadando este ano 28 petiscos e 23 locais participantes. Dende a organización poñen en valor a implicación do sector hostaleiro para darlle forma á iniciativa.
Con Pepe Solla e Pepe Vieira como padriños desta edición, o Tapea Poio serve ademais de elemento dinamizador da economía local fóra da tempada alta.
A Deputación de Pontevedra colabora con esta iniciativa, xunto coa Xunta.
No Tapea Poio hai dúas modalidades de tapas: creativa e tradicional. Todas a un prezo único de catro euros. O certame volverá repartir importantes premios para as creacións máis votadas polo público e para as mellor valoradas por un xurado. Ademais tamén haberá premios para o público valorados en 6.000 euros achegados polas entidades colaboradoras. En total, 10.000 euros de premio entre público e restauradores.











