A provincia de Pontevedra convértese na meta do turismo deportivo en Fitur

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra centra no deporte a campaña que levou este ano a Fitur. ‘A túa meta, o teu destino’ presentouse en Madrid como un convite para “desconectar, conectar e reconectar” da rutina, descubrindo as Rías Baixas a través do deporte. O presidente provincial estivo acompañado durante o acto do xefe do executivo galego.

A provincia de Pontevedra é ‘A túa meta, o teu destino’. Este é o lema co que a Deputación presentou en Fitur unha campaña centrada por primeira vez no deporte. Unha proposta que presenta os 61 concellos da provincia como auténticos polideportivos ao aire libre.

Deporte pensado tanto para afeccionados como profesionais que poden gozar de calquera actividade física.

Deporte que pode practicarse nas infraestruturas de calquera dos concellos da provincia, pero tamén conectando coa contorna, en contacto coa natureza, a montaña ou o mar. Porque, conclúe o presidente, témolo todo.

A Deputación de Pontevedra volveu aportar unha campaña rompedora, afastándose da promoción máis clásica do destino Rías Baixas. Unha fórmula que volveu funcionar como o ano pasado, cando a campaña se centrou no interior da provincia

Ao acto da Deputación de Pontevedra en Fitur asistiu tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.