Lores fala do modelo pontevedrés ós deseñadores dar urbes do futuro

PONTEVEDRA> Dentro das actividades programadas durante a súa visita a París, o alcalde de Pontevedra impartiu unha clase maxistral no Instituto de Administración de Empresas, dependente da Universidade da Sorbona. Na charla falou ante estudantes do mestrado de Deseño Urbano sobre o modelo implantado en Pontevedra nos últimos anos.

“Menos coches e máis cidade” foi o título elixido para a charla ofrecida por Fernández Lores a alumnos do mestrado de Deseño Urbano da Universidade da Sorbona.  Durante hora e media o alcalde explicou as medidas adoptadas en Pontevedra para devolver o espazo urbano ós cidadáns.

Lores lembrou a importancia de coidar o medio ambiente urbano, que é onde pasamos a maior parte do noso tempo.

Os alumnos amosáronse moi interesados en coñecer os detalles do proxecto.

O alcalde pontevedrés resaltou a importancia de espertar interese sobre os modelos urbanos nos máis xoves, xa que son os que construirán as cidades do futuro.

Tamén se amosou orgulloso de que Pontevedra se teña convertido en referencia a nivel internacional.

A clase maxistral formou parte das actividades desenvolvidas por Fernández Lores  en París con motivo da súa participación no Forum Smart City, que se clausurou esta tarde.