RÍAS BAIXAS> A borrasca Joseph deixa a súa pegada nas Rías Baixas. O temporal das últimas horas foi especialmente virulento na comarca de Caldas. En Cuntis o río Gallo desbordou. Tamén rebordou o Umia ao seu paso por Caldas, inundando zonas como A Tafona. En Portas, os servizos de emerxencia tiveron que rescatar un condutor atrapado nunha pista anegada. No Salnés, co Umia tamén anegando zonas en Meis ou Ribadumia, a principal incidencia foron os cortes de luz en varios puntos, así como pequenos desprendementos. Mesma situación na comarca de Pontevedra, con danos de escasa consideración.
A comarca de Caldas levou a peor parte do paso da borrasca Joseph polas Rías Baixas. Cuntis foi un dos municipios que se veu máis afectado. As fortes chuvias causaron inundacións en varios puntos pola crecida do río Gallo.
Un dos puntos máis afectados foi o lugar de Calvos, onde se rexistraron asolagamentos nalgunha vivenda.
En Caldas, situación límite tamén pola crecida dos ríos. Así baixaba o Umia polo centro da vila. As bombas de achique traballaron arreo na praza do Camiño. Con todo, rexistráronse inundacións en varios puntos, como a zona da Tafona.
Chuvias intensas tamén en Moraña ou en Portas. Aquí, un condutor tivo que ser rescatado do seu coche ao quedar atrapado nunha pista completamente asolagada.
Na comarca do Salnés, o Umia bota por fóra en varias zonas de Meis ou Ribadumia. De novo, un dos puntos críticos volveu ser a contorna do Club Náutico O Muíño, deixando varias estradas e pistas cortadas na zona. Ademais de pequenos desprendementos, a principal incidencia na bisbarra foron os cortes de electricidade, que afectaron a Ribadumia, Meis ou Cambados.
Aquí, ao Porto de Tragove, ao igual que á ponte da Illa, chegaron varias bateas, que se soltaron durante a noite. En Sanxenxo, desprendeuse parte da cuberta do cuartel da Garda Civil.
Con esta forza baixaba a auga polas fervenzas da Barosa, en Barro. Na comarca de Pontevedra tampouco houbo que lamentar ningunha incidencia grave, máis alá dos clásicos desprendementos, cables soltos ou árbores caídas. Na cidade de Pontevedra houbo inundacións en distintas zonas e desfeitas como esta, no paseo dos Gafos.










