Novos cinemas trae a Pontevedra os filmes máis arriscados do panorama internacional

PONTEVEDRA> Novos cinemas celebra a súa terceira edición entre o 11 e o 16 de decembro. Serán 14 os filmes que se disputen os galardóns das dúas seccións competitivas. O festival presentará primeiras obras de cineastas internacionais contemporáneos.

Novos Cinemas, arrinca a vindeira semana o evento final dun festival que na súa terceira edición se ten convertido nun certame que vai máis alá das proxeccións e a competición audiovisual. Durante todo o ano teñen programado actividades e obradoiros  a través da súa “aula novos cinemas”.

A aposta pola formación continúa durante os días do festival, da man do #LAB, unha selección de encontros con docentes, programadores e cineastas emerxentes abertos ó público, que busca afianzarse no panorama nacional coma terreo de estudo para proxectos en fase de desenvolvemento.

O Teatro Principal acollerá as dúas seccións competitivas: a oficial e “Latexos”, nas que participarán 14 filmes, dos que 13 son estreas en Galicia e 3 estreas nacionais. O director do festival destacou a presenza de creadores da provincia.

Na sección Latexos proxectaranse 5 filmes de directores noveis.

A programación completase con actuacións musicais nas salas Karma e El Pequeño.

Novos cinemas persegue coa súa programación dar a coñecer o máis destacado do cinema contemporáneo internacional, apostando pola heteroxeneidade, orixinalidade, liberdade creativa e compromiso estético dos novos creadores.

O abono para ver todas as películas ten un prezo de 15 euros, mentres que cada sesión costará 3 euros. A programación pode consultarse na web do festival: www.novoscinemas.com