O Plan Revitaliza esténdese a 42 concellos da provincia

PONTEVEDRA> O Revitaliza implantarase en 6 concellos máis da provincia. Coas novas adhesións, o plan de tratamento de biorresiduos a través da compostaxe chega xa a corenta e dous municipios pontevedreses.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra facía balance esta mañá dos concellos adheridos ó plan de compostaxe Revitaliza, unha vez rematado o prazo de solicitude da súa segunda convocatoria.

Cerdedo-Cotobade, Covelo, A Guarda, Poio, Portas e Vila de Cruces instalarán os seus primeiros composteiros. Inician así a fase de preparación do plan.

Ademais, 8 concellos solicitaron a liña 2 do Revitaliza. Consiste en axudas económicas para a extensión do plan de compostaxe como fórmula de tratamento dos biorresiduos a todo o concello ou a grande parte del. A deputación financia a asistencia técnica e cofinancia a compra dos materiais necesarios. O orzamento destinado a estas axudas é de 2 millóns de euros.

Mosquera destacou que este é o camiño a seguir de maneira imprescindible por cuestións medioambientais, de sensibilización social e normativas, xa que para o 2020 o 100% dos residuos terá que ser recollido e tratado de forma separada nos concellos de máis de 5.000 habitantes, e para o 2023 no resto.

Mosquera destacou que se están a cumprir os obxectivos marcados para 2015, polo que hai que apurar para que no 2020 os concellos estean preparados.