PONTEVEDRA> A Facultade de Enfermaría da Universidade de Vigo será unha realidade no curso 2024-2025. Esta mañá, Deputación de Pontevedra e Universidade reuníronse para ir concretando os detalles do traspaso das Escolas de Enfermaría que agora mesmo dependen da administración provincial: as de Meixoeiro, en Vigo, e a pontevedresa. Unha vella demanda que, cando sexa unha realidade, fará que esta formación dependa ao 100% da Universidade de Vigo.
As Escolas de Enfermaría de Pontevedra e Meixoeiro, na provincia pontevedresa, e a de Ourense, deixarán de depender das súas Deputacións. A Universidade de Vigo avanza na creación dunha Facultade de Enfermaría.
Esta mañá, Deputación de Pontevedra e Universidade de Vigo reuníronse para avanzar neste traspaso. Reigosa explicou que hai tempo que traballan para implantar un mestrado de Enfermaría que poida estar en marcha xunto co grao no curso 2024-2025. Tamén están a deseñar un programa de doutoramento.
Dende a Deputación de Pontevedra, a súa presidenta asegurou que se porán todas as facilidades. A administración continuará financiado a Escola ata que remate o proceso de creación e posta en marcha da facultade.
A integración das tres escolas de Pontevedra, Meixoeiro e Ourense como centros propios da Universidade de Vigo xa foi aprobada no claustro e debaterase mañá no seu consello de goberno. Posteriormente levarase ao Consello Social e ao Consello Galego de Universidades.