PONTEVEDRA> Acercámonos ó Nadal e xa comezamos a facernos cos agasallos que repartiremos nestas datas. Hai quen inclúe na lista unha mascota que meses despois acaba abandonada coma gran parte dos xoguetes que se entregarán nas festas. Para concienciar sobre a adopción responsable, asociacións animalistas e protectoras insisten en que os animais non son produtos e que acollelos debe ser unha acción consciente e meditada.
Os animais domésticos non son produtos de consumo. Algo que parecemos esquecer cando chega o Nadal e pensamos nas mascotas coma un regalo máis.
Para concienciar sobre o errado desta práctica, na protectora Os Palleiros limitan as adopcións nesta época.
Dende a canceira tomaron esta medida tras anos comprobando coma se adoptaban cachorros durante estas datas para logo devolvelos no primeiro trimestre do ano.
Lembran que cans e gatos precisan coidados e adaptarse ós fogares de acollida, polo que cando se toma a decisión de adoptar debe facerse de maneira consciente e non por impulso.
Asociacións animalistas coma Libera, tamén desenvolven campañas especiais durante o Nadal para concienciar sobre a responsabilidade que supón ter unha mascota. Baixo o lema “Non son un agasallo” pretenden disuadir de mercar animais domésticos coma regalo.