As traballadoras do comercio téxtil pontevedrés volven á rúa na segunda xornada de folga contra ARTE

PONTEVEDRA> Segunda xornada de folga no comercio téxtil e de calzado pontevedrés. As traballadoras secundaron a convocatoria realizada pola CIG e UXT para continuar reclamando que Galicia quede fóra do convenio estatal ARTE que se está a negociar en Madrid. Din que empeora considerablemente as condicións que se recollen no convenio provincial, que xa está asinado á espera de seren publicada para a súa entrada en vigor.

As traballadoras do comercio téxtil e de calzado da provincia de Pontevedra volveron hoxe á rúa. Nunha manifestación percorreron a rúa Benito Corbal, na que foi a segunda xornada de folga convocada contra o convenio estatal ARTE que se negocia en Madrid. Insisten en que Galicia quede fóra das negociacións.

Tamén preocupa o impacto que este convenio terá nos salarios das traballadoras.

O pasado 23 de abril CIG, UXT e Comisións Obreiras asinaron o convenio na provincia de Pontevedra con melloras respecto do actual. Pero aínda non foi publicado oficialmente. De asinarse e publicarse antes o ARTE, o pontevedrés quedarían sen efecto.

Establecementos como HyM, Mango Home ou Oysho permaneceron pechados durante todo o día. Outros, como Pull and Bear ou Punto Roma baixaron a persiana ao paso da manifestación, algo que non pasou no caso de Zara. Dende a CIG denunciaron presións en empresas máis pequenas.

Esta tamén foi a segunda xornada de folga nas provincias de Ourense e Lugo. No caso da Coruña, foi a quinta.