PONTEVEDRA> Pontevedra dá luz verde ás obras de emerxencia no Teatro Principal. A xunta de goberno local aprobou hoxe os expedientes para realizar estes traballos trala caída do falso teito do inmoble. O orzamento ascende a 252 mil euros, mentres que o prazo estimado de execución é de seis meses. De cumprirse o previsto, o Teatro podería reabrir as súas portas no mes de outubro.
O Teatro Principal de Pontevedra podería reabrir as súas portas o vindeiro mes de outubro. É o cálculo que realizan dende o concello, despois de que hoxe a xunta de goberno local aprobara as obras de emerxencia para arranxar os danos provocados pola caída do falso teito do inmoble o pasado 20 de marzo.
O orzamento ascende a 252.000 euros e o prazo estimado de execución é de seis meses. De aí que, de cumprirse o previsto, o Teatro recuperaría a actividade en outono.
Da contía total, 25.000 euros destínanse ao traballo dunha consultora técnica que está a realizar o levantamento xeométrico do patio de butacas e o estudo e deseño de reflectores. Actuación que xa está en marcha.
Despois da realización destes estudos, unha empresa especializada en arquitectura técnica asumirá a dirección das obras e a redacción da memoria técnica final, cun orzamento de 7.000 euros. En canto aos traballos de substitución da estrutura, terán un orzamento de 220.000 euros.











