50.000 persoas xa están vacinadas contra a gripe en Pontevedra e O Salnés

PONTEVEDRA> O alcalde de Pontevedra acudiu esta mañá ó ambulatorio Virxe Peregrina para vacinarse contra a gripe. Con este acto quixo apoiar a recta final da campaña de Sanidade, na que ata o momento teñen participado 50.000 persoas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Entramos na recta final da campaña de vacinación contra a gripe e, esta mañá, Fernández Lores quixo facer un chamamento ós que aínda non acudiron ó centro de saúde para tomar esta medida preventiva. Facíao despois de recibir el mesmo a vacina.

Lembrou que, aínda que todo o mundo se pode vacinar, é especialmente recomendable no caso de persoas maiores de 65 anos, pacientes crónicos ou embarazadas. Un xesto que segundo Lores non supón ningunha molestia e ten moitos beneficios para a saúde de todos.

O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés informou de que no que vai de campaña se teñen vacinado 50.000 persoas, o que significa o 53% da poboación de risco.

Insistiu en que é un acto doado con moitos beneficios. E resaltou o incremento de vacinados entre o persoal sanitario e as embarazadas, que xa dobra o número do ano pasado.

Ademais do persoal sanitario, aconséllase a vacinación a traballadores en contacto con colectivos de risco, coma policías, coidadores de anciáns ou enfermos, profesores ou condutores de transporte público. A campaña continua ata o 28 de decembro.