Clientes nas barras e máis aforo en bares e tendas: estas son as principais novidades da fase 3

RÍAS BAIXAS> Máis alá da mobilidade interprovincial, a chegada da Fase 3 supón un novo avance no proceso de desescalada. Dende hoxe os comercios teñen limitado o seu aforo ó 50%. No sector hostaleiro, pódense usar as barras dos bares e as terrazas incrementan a súa capacidade ata o 75%.

As Rías Baixas seguen avanzando cara a nova normalidade. A primeira xornada da Fase 3 do proceso de desescalada trouxo novidades máis alá da mobilidade entre provincias. Dende hoxe xa non hai ningún tipo de franxa horaria para saír á rúa e os grupos amplíanse ata as 20 persoas.

Dende este luns tamén se permite que se ocupen tódalas prazas sentadas do transporte público, xa sexa bus ou tren. No caso dos coches, poderán viaxar dúas persoas por liña ou tódolos asentos ocupados se conviven.

As tendas poden abrir cun aforo do 50%  e no caso da hostalaría, tamén se amplía a capacidade tanto do interior como das terrazas.

“Dende hoxe xa se pode tomar algo na barra dun bar mantendo unha distancia mínima de dous metros. Este tipo de establecementos teñen limitado agora o seu aforo ó 50%. No caso das terrazas como estas que teño ás miñas costas, no centro de Pontevedra, funcionan xa ó 75% da súa capacidade”.

Os que esta mañá tomaban café nas terrazas da Boa Vila aseguraban sentirse tan cómodos como seguros, malia o incremento do aforo.

Hai tamén novidades para os hoteis, para os que o aforo das zonas comúns sobe ata o 50%.

Cines, teatros e auditorios funcionarán con butacas preasignadas e á metade da súa capacidade.

Ademais, nunha voda, nesta fase 3, poderanse reunir a 150 asistentes ó aire libre ou 75 nun espazo pechado. Os enterros e velorios, pola súa banda, continúan con restricións: terán unha asistencia máxima de 50 persoas ó aire libre e 25 no interior. As igrexas poderanse encher ó 75% da súa capacidade.

No caso das discotecas, a Xunta decidiu hoxe retrasa-la súa apertura: terán que agardar ata o 1 de xullo. Trátase da primeira medida tomada polo executivo galego sobre a desescalada, facendo uso da súa competencia ó entrar na fase 3.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí