Núñez Feijóo defende o pasaporte covid na hostalería para evitar o peche dos interiores

PONTEVEDRA> A Xunta de Galicia defende o uso do certificado covid na hostalería. O presidente autonómico confirmou esta mañá que xa presentaron a solicitude de autorización xudicial ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para que lles permita esixir esta documentación para entrar nos locais hostaleiros. Recordemos que o tribunal suspendeu a medida porque non fora ratificada xudicialmente.

A Xunta de Galicia xa pediu ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que autorice o uso do certificado covid na hostalería.

A medida foi decretada hai case tres semanas polo goberno autonómico, e implantaba a obriga de presentar un certificado de vacinación completa ou de ter pasado a covid19, ou unha proba diagnóstica negativa nas últimas 72 horas para acceder ao interior da hostalería. Só se aplicaba nos locais de concellos de nivel máximo e alto e no ocio nocturno dos municipios nos niveis medio e baixo de alerta. Pero onte o Tribunal Superior autonómico suspendeu este requisito porque non fora ratificado xudicialmente.

Núñez Feijóo apuntou que máis do 70% da poboación galega ten xa a pauta completa de vacinación e defendeu o uso do certificado covid como unha medida boa para a hostalería.

O presidente da Xunta lamentou a falta dunha lei estatal que permita artellar este tipo de mecanismos, que deixen as medidas das autonomías pendentes da interpretación dos diferentes tribunais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí