Nebot fala en Pontevedra da mobilidade urbana

PONTEVEDRA> O experto en mobilidade Fernando Nebot visitou esta mañá o concello para explicar ante a comisión do ramo o informe elaborado para a actualización da ordenanza municipal de espazos públicos. Ademais, participou no ciclo de encontros Urbtopías, no que conversou con César Mosquera sobre “Pontevedra, a cidade que vén”.

O alcalde de Pontevedra recibiu esta mañá a Fernando Nebot, que ven de elaborar un amplo informe de apoio á ordenanza de espazos públicos e mobilidade. A continuación, compareceu ante a comisión da área para  explicar os detalles do documento.

Nebot destacou que en Pontevedra o modelo urbano está consolidado e asumido por tódolos cidadáns, polo que só resta estendelo a máis barrios e ó rural.

Sobre o informe explicou que ó partir dunha realidade avanzada, achega pequenos detalles, coma os que se refire ó uso da bicicleta ou dos vehículos de mobilidade persoal no espazo público.

Salientou que a preferencia peonil e o uso selectivo do vehículo permite diminuír os riscos e incrementar a seguridade, ademais de favorecer a tolerancia e o respecto mutuo no espazo público.

Fernando Nebot ten redactado numerosos plans de Ordenación de Mobilidade, Accesibilidade Urbana e Mobilidade Sustentable, entre outros, os de cidades como Madrid, Pamplona, Vitoria, Palma de Mallorca ou Vigo.

Pola tarde dialogou con César Mosquera sobre a Pontevedra que vén no marco do foro Urbtopías, no Sexto Edificio.