Pontevedra lidera os rexistros de enfermidades intestinais en Galicia

PONTEVEDRA> Mañá, 19 de maio, celébrase o Día Internacional das Enfermidades Inflamatorias Intestinais. En Galicia, a área sanitaria de Pontevedra é a que rexistra o maior número de casos, 1.390, unha cifra que vai medrando ano a ano. É por iso que a Asociación Socio Sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal de Pontevedra aproveitou a data para reclamar máis investigación e un plan de prevención nos centros escolares. Enfermidade de Crohn, colite ulcerosa ou proctite ulcerosa. Son só algunhas das doenzas que se agrupan baixo as denominadas Enfermidades Inflamatorias Intestinais. Trátase de patoloxías que afectan ó intestino nalgún dos seus treitos, inflamándoo de xeito crónico. Son enfermidades silenciosas, que cada vez están afectando máis a persoas novas. É por iso que con motivo da celebración mañá do Día Internacional das Enfermidades Inflamatorias Intestinais, a Asociación Socio Sanitaria Educativa de Pontevedra fai un chamamento para reclamar máis investigación e programas de prevención en centros escolares. En Galicia, a área sanitaria de Pontevedra é, segundo esta entidade, a que maior número de casos diagnosticados rexistra, 1.390, e cada ano rexístranse 120, sobre todo nas zonas da capital de provincia, O Grove, Sanxenxo e Marín. Desde a ASSEII tratan de darlle visibilidade a este problema organizando xornadas divulgativas, ademais de impulsar proxectos para intentar mellorar a vida dos doentes. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/18/ENFERMIDADESINTESTINAIS.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/05maio/18/ENFERMIDADES_INTESTINAIS.mp4{/flowplayer}