Obradoiros, cine e unha pista de deslizamento para o Nadal pontevedrés

PONTEVEDRA> Comeza en Pontevedra a programación de Nadal, que encherá de actividades a rúa ata o día de Reis. Na praza do Concello instalouse unha pista de deslizamento para tódalas idades e as Galerías da Oliva acollerán actuacións e obradoiros durante todo o período festivo.

A programación para o Nadal en Pontevedra inclúe numerosas propostas nas rúas e prazas da cidade.

O “Xogamos na rúa” inclúe unha pista de deslizamento na praza do Concello e unha tirolina na Alameda.

Para que non falten opcións en caso de mal tempo, nas galerías da Oliva haberá actividades e obradoiros durante as festas.

Tamén na Oliva se instalará o mercado Sétima Feira, que se suma ó tradicional mercado de artesanía da praza do Teucro.

Como novidade este ano, preséntase o ciclo “Cinema Clandestino” que proxectará películas icónicas en espazos especialmente escollidos segundo a temática do filme. Será nos días 22 e 29 de decembro e o 4 de xaneiro.

Tamén haberá lugar para a música, cos “cantos de taberna” de Maravallada o 21 de decembro, as danzas de Reis da asociación Trepia o 22 ou os Cantares de Reis dos Chichisos o 4 de xaneiro.

Como mostra da colaboración entre as diferentes áreas da administración local para a programación de Nadal, a concellaría de Parques está a decorar a cidade con flor de Pascua e ten programada unha “sorpresa romántica” que se instalará nos xardíns de San Francisco.

Ademais de ofrecer alternativas para tódalas idades, as propostas para o Nadal pontevedrés pretenden apoiar ó comercio local.

A programación remata o 5 de xaneiro ca tradicional Cabalgata de Reis.