Os produtos do Mercado, a un solo clic grazas á plataforma Ponte Abastos

PONTEVEDRA> O Mercado de Pontevedra estreará en setembro a plataforma Ponte Abastos. Unha páxina web que achegará os produtos frescos da praza a todos os fogares do municipio. Ademais, esta iniciativa farase con medios de transporte sostibles.

A crise da Covid obrigou a mudar os hábitos de toda a poboación. Un exemplo é o incremento rexistrado durante a pandemia dos negocios online. Con esa base naceu esta iniciativa. Ponte Abastos xurdiu para que toda a cidadanía pontevedresa teña, a golpe de clic, os produtos frescos do Mercado.

Na páxina web, os produtos estarán divididos en froitería, carnicería e peixería. Unha vez seleccionados os artigos, os clientes poderán mercar por cantidades ou por unidades.

Outro dos obxectivos principais desta iniciativa é coidar ao máximo o medio ambiente. Por iso, o reparto a domicilio realizarase a través de medios de transporte sostibles.

A plataforma Ponte Abastos estará integrada no marketplace E-Ponte, o portal de comercio online de Pontevedra, e poñerase en marcha no mes de setembro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí