PONTEVEDRA> Pontevedra prepárase para intentar minimizar os efectos de Kirk, os restos dun furacán tropical que chegarán mañá mércores ás Rías Baixas. Esta mesma tarde, o concello pechou os espazos abertos e con árbores, como os parques infantís ou a Alameda, ante a posibilidade de que os fortes ventos e chuvias que se agardan provoquen caída de árbores e pólas. Tamén preocupan posibles asolagamentos en diferentes puntos sensibles da cidade. A AEMET ten decretada a alerta laranxa para mañá, mércores.
O concello de Pontevedra activou hoxe a prealerta para todos os servizos de seguridade e emerxencias para intentar minimizar o impacto da borrasca Kirk.
Unha destas medidas é o peche dos espazos naturais do concello e dos parques infantís. Así, a partires das seis desta tarde a senda do río Lérez e da Illa do Cobo, o recinto da UNED, o miradoiro de Monte Porreiro ou os parques das Palmeiras e de Rosalía de Castro, quedaron pechados ao paso.
Vilaverde pediu tamén á cidadanía a retirada de obxectos de balcóns e fachadas, evitar os desprazamentos innecesarios e ter especial coidado en zonas de inundación, como a avenida de Marín. Ademais, as instalacións deportivas ao aire libre permanecerán pechadas mañá pola mañá.
Mañá activarase a alerta laranxa. Por chuvias comezará xa na medianoite. Polos fortes ventos, será ás 8 da mañá do mércores.











