O Concello de Pontevedra presentará en xaneiro o anteproxecto para a reforma da Casa Consistorial

PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra traballa na recuperación da Casa Consistorial. O goberno local dará a coñecer en xaneiro o anteproxecto para a rehabilitación deste edificio situado na Praza de España. En total, son 5 os estudos de arquitectura que están a deseñar xa as diferentes propostas.

O Concello de Pontevedra rehabilitará esta Casa Consistorial. A reforma realizarase en diferentes fases e a primeira, centrarase na primeira planta. Aquí recuperarase este salón de plenos. Un espazo que acollerá tamén as diferentes vodas e cerimonias civís que agora se celebran no Pazo de Mugartegui. Ademais, no primeiro andar destinarase un espazo ás visitas e recepcións oficiais e crearase tamén unha sala para acoller comisións informativas.

Un dos principais problemas que presenta este edificio é a accesibilidade. Por iso, ademais de deixar claras as dúas entradas principais, no proxecto incluirase tamén a instalación dun ascensor.

A segunda fase da reforma centrarase na planta baixa e no semisoto. O obxectivo do Concello é que este último andar poida acoller nun futuro diferentes actos culturais.

O Concello convidou a 5 estudos de arquitectura a presentar o anteproxecto para rehabilitar este edificio. A intención do goberno local é seleccionar o deseño definitivo no mes de xaneiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí