PONTEVEDRA> Os orzamentos municipais debateranse finalmente en pleno este venres sen ningunha emenda. Aínda que a comisión de economía e facenda reunida esta mañá aprobou a incorporación das presentadas por Cidadáns, o BNG empregará o voto particular para someter a votación o documento proposto inicialmente.
Esta mañá reuníase a comisión de economía e facenda para resolver a incorporación ou non das emendas presentadas polos distintos partidos da oposición ós orzamentos municipais. O PP tiña presentado unha emenda á totalidade, Cidadáns 11 emendas parciais e Marea 28. Á saída da reunión tódolos partidos políticos manifestaban a súa sorpresa e desacordo co que tiña sucedido na xuntanza.
A emenda do PP foi rexeitada. As 11 de Cidadáns foron aprobadas con 4 votos a favor do propoñente, do PP, e de Marea, catro en contra do BNG e a abstención do PSOE. O voto de calidade do presidente da comisión, Rafa Domínguez, logrou a aprobación das emendas. As 28 propostas de Marea saíron rexeitadas cos votos en contra de PSOE e BNG.
Antes de finalizar a reunión o BNG pediu que se volveran votar as emendas de Cidadáns, o que foi rexeitado polo presidente da comisión. O non poder facelo, o BNG presentou o voto particular, para levar finalmente a votación en Pleno o documento orixinal, sen as emendas incorporadas.
Se se logra a aprobación deste documento, xa non se sometería a votación o emendado. A voceira de Cidadáns amosouse enfadada por esta medida do BNG.
Se o PSOE mantén a postura anunciada da abstención, o goberno local non tería problema para sacar adiante os orzamentos.
O voceiro municipal criticou a postura adoptada por Marea, xa que durante as negociacións do orzamento mantiveron que se absterían para facilitar a aprobación pero sen facer achegas específicas.
Unha vez presentadas as 28 emendas, volvéronse reunir o venres e hoxe mesmo. O goberno local ofreceu incorporar algunhas das emendas, o que foi rexeitado por Marea.
Haberá que agardar ó venres para ver se o grupo encabezado por Luís Rei mantén o sentido de voto anunciado da abstención.











