Investigan a autoría do “ataque” ó Ravachol

PONTEVEDRA> A praza da Peregrina amencía o domingo coa ausencia dun dos seus máis ilustres habitantes. A escultura do loro Ravachol, símbolo do Entroido pontevedrés, fora arrincada do seu pedestal durante a madrugada. Unha patrulla da policía local decatouse a iso das 8 da mañá Da falta da peza, que foi localizada enseguida nun dos laterais do santuario.

O loro Ravachol foi arrincado do seu pedestal na madrugada do domingo e agochado nun dos laterais da igrexa da Peregrina. A peza, que non sufriu máis dano que a rotura da parte do pedestal que a unía á base, permanece agora custodiada nas dependencias da policía local.

Abriuse unha investigación para aclarar o ocorrido, se ben a hipótese do acto vandálico cometido por unha ou varias persoas é a que cobra máis forza.

Para completar as pescudas, solicitaranse as imaxes das cámaras de seguridade instaladas na praza, coma a da oficina bancaria situada xunto á escultura. Tamén se está intentando localizar a algunha testemuña.

Dende o concello insisten en que se trata dun feito illado. O goberno local agarda devolver ó Loro Ravachol ó seu lugar o antes posible.