Traballadores de ENCE protestan pola externalización do servizo médico da fábrica e o despedimento do persoal

PONTEVEDRA> Mobilización dos traballadores de ENCE para denunciar novos recortes de persoal na fábrica de Lourizán. Desta volta, despois de coñecer a decisión da empresa de suprimir o servizo médico da factoría que atende ao cadro de persoal. A pasteira aposta pola súa externalización, coa contratación de QuirónSalud. O comité asegura que, ademais de supoñer a eliminación de postos de traballo, implica un empeoramento na seguridade do resto de operarios da fábrica. Dende ENCE defenden que a decisión mellora esta atención.

Os traballadores da fábrica de ENCE en Lourizán rexeitan a medida da empresa de externalizar o servizo médico. Aseguran que se trata dunha decisión unilateral, que suporá a eliminación de catro postos de traballo. Entrará en vigor o 1 de novembro.

Hoxe concentráronse ás portas da factoría para amosar o seu rexeitamento a esta decisión, detrás da que ven unha intención da empresa de atacar o que, din, chaman maliciosamente absentismo. Cren que vai redundar nun empeoramento da seguridade.

Máis aínda nun momento no que o comité de empresa está a denuncia un incremento dos accidentes laborais. Algo que xa denunciaron publicamente hai uns meses.

Ademais, apuntan que esta decisión é un paso máis nun plan de recortes posto en marcha pola empresa. Aseguran que nos últimos anos ENCE eliminou máis dunha vintena de postos de traballo.

Pola súa banda, dende a pasteira defenden que a seguridade é unha prioridade, cifrando en 9,1 millóns de euros o investimento realizado pola compañía nesta materia no 2025. Contradín a información dos sindicatos e afirman que a planta de ENCE en Pontevedra ten un índice de accidentalidade 22 veces inferior á media do sector e 32 respecto da media española. En canto á contratación de QuirónSalud para prestar este servizo de vixilancia da saúde, aseguran que a medida suporá mellores medios técnicos e un seguimento personalizado, entre outras cuestións.