Tino Fernández aposta por unha xestión local máis igualitaria

PONTEVEDRA> O candidato á alcaldía de Pontevedra polo PSOE explicou esta mañá nun almorzo informativo as liñas mestras do proxecto que presenta para as eleccións municipais de maio. Tino Fernández enumerou as súas propostas, que xirarán arredor do principio de igualdade.

Tino Fernández expoñía esta mañá as liñas básicas que rexerán a súa campaña de cara ás eleccións municipais que se celebrarán na  primavera do vindeiro ano. O PSOE apostará pola igualdade aplicada a distintos eidos. En primeiro lugar, ás políticas sociais, que consideran “erosionadas”.

Igualdade tamén en canto ó territorio, para o que reclaman un reequilibrio en canto a investimentos.

Engaden tamén entre as súas propostas a adaptación da política fiscal municipal ós novos tempos e a axilización da xestión tanto política coma administrativa do concello.

Outros temas que se abordarán no programa electoral, que será coordinado polo deputado Guillermo Meijón, son a necesidade da implantación do transporte urbano e metropolitano para aliviar o tráfico da cidade e o aumento de aparcadoiros disuasorios, así como a implantación das “vías sanitarias”.

O candidato socialista tamén apuntou temas que abordará inmediatamente en caso de ser elixido alcalde, como son o traslado “consensuado” de ENCE ou a mellora das comunicacións con resto da provincia.

Sobre a situación actual na corporación municipal, indicou que as relacións co BNG melloraron no último ano, o que axuda a chegar a acordos que favorecen ós cidadáns.

A candidatura para as municipais completarase en marzo coa elección dos postos do 2 ó 25 por medio de primarias abertas, nas que  se presentarán listas paritarias de 12 homes e 12 mulleres.