Vilagarcía lembra á súa xente no 78 aniversario da II República

aniversario_republica100.jpgVILAGARCÍA> Hoxe conmemórase o 78 aniversario da II República. No Concello aproveitaron esta data para organizar diversas exposicións

{flowplayer}images/salnes/aniversario_republica.flv{/flowplayer}

VILAGARCÍA> Hoxe conmemórase o 78 aniversario da II República. No Concello de Vilagarcía aproveitaron esta data para organizar diversas exposicións sobre a a historia da cidade e das súas personaxes naquela época. 

Baixo o título, “Xente Nosa. Vilagarciáns nos anos 30”, Vilagarcía lembra a dúas personaxes destacadas da sociedade local durante a II República: o doutor Xosé Moreira Casal e a artista Matilde Vázquez. Moreira Casal foi un insigne doutor galeguista que loitou pola súa cidade. Coa chegada do réxime franquista foi deportado a Teruel e non regresou a Vilagarcía ata 1944, xa para falecer. A outra homenaxeada é a intérprete de zarzuela Matilde Vázquez, unha das mulleres máis coñecidas no panorama musical en España e América da época, sendo protagonista de cinco películas.

A exposición foi inaugurada onte á tarde coa presenza de numerosos veciños, representantes municipais e membros do Arquivo da Memoria, entidade que recompilou o material. Na mostra hai fotografías, documentos e obxectos da época, incluída unha vitrina con utensilios médicos que lle regalaron a José Moreira Casal. Ademais en dous televisores pásanse fragmentos de películas, e hai un gramófono con vellos discos de Matilde Vázquez. Entre outras curiosidades, pódese ver a cámara fotográfica de Dámaso Carrasco, coa que se retratou á maior parte da xente que estivo prisioneira no Lazareto da Illa de San Simón.

A mostra complementarase cun ciclo de curtametraxes sobre os anos da República e a Guerra Civil. As proxeccións fanse ata o xoves na sala de conferencias do auditorio, a partir das 8 da tarde.

O auditorio de Vilagarcía tamén acolle estes días unha mostra realizada polo Ateneo Republicano da Coruña. En total son 23 paneis cun claro contido didáctico con fotografías, deseños e artigos de prensa da II República. Xunto á presentación dos grandes acontecementos xerais, fanse referencias ó acontecido en Galicia.

Ambientada nestes anos tamén temos a mostra Editar en galego baixo a censura franquista. Nela a Fundación Penzol fai un repaso gráfico e documentado ó control da ditadura sobre a produción editorial en galego entre 1936 e 1975.

Redacción Salnés