“Cinema clandestino” propón proxeccións sorpresa en espazos misteriosos

PONTEVEDRA> Aínda que os nenos son os grandes protagonistas no Nadal, tamén os maiores queremos gozar de propostas de lecer nestas festas. Cinema Clandestino é a cita para mozos e adultos en Pontevedra. Trátase de proxeccións de cine en espazos públicos sen saber previamente a ubicación exacta nin o título da película. Toca xogar.

Cinema Clandestino ofrecerá 3 películas icónicas da historia do cine que se proxectarán en espazos públicos da cidade.  A primeira cita terá lugar o vindeiro sábado, día 22. Para aqueles que queiran asistir, o punto de encontro será a árbore de Nadal da Ferrería ás 20 horas. Dende alí o público será guiado ata o lugar da proxección.

Xogar con pistas, deixarte guiar e amar o cinema son os principais requisitos para desfrutar deste particular ciclo de cine. Un proposta cinematográfica da que os organizadores pouco contan para facer honra ó seu nome. Haberá que estar atentos ás redes para participar.

Para unha participación máis activa, a xente pode inscribirse, de balde, en participa.cinemaclandestino@gmail.com  A través do correo recibirán a citación, hora e lugar. Ademais do vindeiro sábado, haberá proxeccións o día 29 de decembro, no que se partirá das canchas deportivas de Campolongo; e o venres 4 de xaneiro, día no que o punto de encontro será o estanque das Palmeiras.