En pé de guerra contra o furtivismo

BARBANZA> As confrarías da Pobra do Caramiñal, Cabo de Cruz e Rianxo únense contra esta actividade ilegal. Reclámanlle a Xunta a toma de medidas máis efectivas que poñan fin a esta lacra que saquea día si e día tamén as súas concesións.

En pé de guerra contra o furtivismo. Por primeira vez tres confrarías de Arousa Norte: Rianxo, Cabo de Cruz e Pobra do Caramiñal, se cadra os pósitos máis castigados da Ría por esta actividade ilegal, únense para esixirlle á consellería do Mar e á Policía Autonómica, o corpo de seguridade do Estado que ten asignada esta competencia en todo o litoral galego, un maior control e medidas máis efectivas contra esta práctica que arrasa coas súas concesións e, por conseguinte, co pan de moitas familias que viven de xeito legal do marisqueo.

Para eles a reforma da lei vese insuficiente para rematar con esta lacra.

Os patróns piden tamén, ademais da vixilancia nas praias, o aumento dos controis na cadea comercializadora.

Aínda que é difícil de cuantificar, apuntan a unha media de cincocentos quilos de marisco saqueado das praias a diario. Unha cantidade que representa perdas insuperables para calquera pósito.

O último episodio vivíase esta pasada fin de semana en Rianxo coa agresión dun furtivo a un axente da Policía Local. Algo por desgraza bastante habitual, xa que cada vez son máis agresivos.