O Máster de Tenis reúne en Pontevedra ós mellores xogadores galegos

PONTEVEDRA> A tempada de tenis en Galicia arrinca esta fin de semana en Pontevedra co Máster Galego Absoluto, que terá lugar nas instalacións cubertas do Mercantil en Mourente. Os mellores xogadores do ránking autonómico das categorías masculina e feminina.

O Máster Galego Absoluto reunirá nas pistas do Mercantil ós mellores tenistas galegos. Na categoría feminina competirán Uxía Martinez e Carla del Barrio, números 1 e 2 do ránking autonómico. Na categoría masculina fallará Rodrigo Figueroa, pero estarán Tomás Currás, Iago Salvador e David Cao. Como representación pontevedresa, participarán Antía del Río e Rubén Caldas.

O torneo iníciase mañá cos enfrontamentos de oitavos e cuartos de final da categoría feminina. A categoría masculina, pola súa banda, arrinca o venres. As semifinais disputaranse este mesmo sábado en ámbalas dúas categorías, e as finais terán lugar o vindeiro sábado, 12 de xaneiro.

Ese mesmo día celebrarase no Pazo da Cultura a Gala do Tenis Galego, que premiará ós xogadores, técnicos e clubs destacados do 2018. O Mercantil optará ó galardón ó mellor club de Galicia, pola organización do propio Máster, o ITF Junior e o Campionato de España Alevín.