O PP de Cambados ve ‘moitas sombras e poucas luces’ na iluminación do Nadal da vila

CAMBADOS> Con moitas sombras e poucas luces. Así ve o PP de Cambados o Nadal no Concello. Os populares critican a escasa iluminación nas zonas do centro e tamén nas parroquias. Cargan tamén contra a falta de Policías Locais durante a noite en datas clave, como en Noitevella.

O PP de Cambados fai balance do que deu de si o Nadal no Concello. Os populares aseguran que a decoración foi escasa no núcleo urbano. Nas parroquias, segundo denuncian, foi nulo.

As queixas máis duras, con todo, non proceden dos veciños, senón dos comerciantes. Segundo explica Aragunde, un dos puntos negros do Nadal cambadés foi a contorna de Fefiñáns.

Outra carencia que detectaron os populares é a ausencia da patrulla nocturna da Policía Local en datas sinaladas, como Noiteboa ou   Noitevella. Isto, para o líder da oposición, é algo inconcibible.

Para os populares hai unha palabra que define a xestión do cuadripartito neste eido: improvisación. Unha xestión que, para Aragunde, deriva nunha mingua da calidade de vida e na perda de atractivo para que a vila reciba máis visitantes.