Noites Abertas, vinte anos de lecer xuvenil

PONTEVEDRA> Noites Abertas celebra a súa vixésima edición con preto de cen actividades destinadas a xoves entre 12 e 30 anos. O programa de lecer xuvenil arrincará o vindeiro venres, día 25 de xaneiro e estenderase ata o 6 de abril.

Esta mañá presentouse unha nova edición de Noites Abertas, e xa van vinte. O concelleiro de Xuventude comezou comparando as cifras deste ano coas da primeira convocatoria, para reflectir o crecemento desta programación para os xoves pontevedreses.

O programa ofrecerá durante 9 fins de semana, actividades do máis diverso que pretenden atender ós intereses de toda a mocidade de Pontevedra.

A imaxe do programa, creada pola ilustradora poiense María Montes, retrata o que quere ser Noites Abertas.

A programación deste ano da continuidade a de anos pasados, pero tamén inclúe novidades. Noites Abertas ofrece actividades de lecer, musicais, deportivas, colaborativas e formativas, apostando pola igualdade. Tamén se prestará especial atención á integración e respecto á diversidade.

Todas as actividades son de balde aínda que algunhas teñen prazas limitadas. Cando a demanda sexa máis que  oferta, sortearanse. Tan só 9 das 96 actividades precisan preinscrición, para o que se abrirá un prazo na web de Noites Abertas.