O SUP reclama protesta contra os pivotes da rúa Peregrina: ‘Menos bolardos. Máis policía’

PONTEVEDRA> O Sindicato Unificado de Policía súmase ás protestas contra a decisión do concello de Pontevedra de instalar pivotes na rúa Peregrina. Na Subdelegación do Goberno primeiro, e nos propios pivotes despois, concentráronse para reclamar ‘menos bolardos e máis policía’. Aseguran que estes elementos retardan a resposta dos servizos de emerxencia. Tamén trasladaron a súa protesta ao pleno municipal, que esta mañá se celebraba no Teatro Principal.

Para o Sindicato Unificado de Policía, a decisión do goberno local de instalar pivotes cortando o paso na rúa Peregrina é unha medida que entorpece o traballo dos servizos de emerxencia.

Hoxe expresaron o seu descontento con tres mobilizacións. Comezaron ás portas da Subdelegación do Goberno para seguir xunto aos propios pivotes. Finalmente, remataron trasladando a protesta ao Teatro Principal, no que se celebrou o pleno municipal.

Nas súas protestas reclamaron ‘menos bolardos, máis policía’. E é que precisamente é a falta de efectivos o que impide, aseguran, que poidan realizar patrullas a pé polo centro da cidade de xeito eficiente.

Ademais do SUP, tamén se opuxeron á instalación destes elementos sindicatos como a Confederación Española de Policía ou os propios bombeiros de Pontevedra.