PONTEVEDRA> Os traballos de destape do río dos Gafos, en Pontevedra, concéntranse no seu arranque na contorna dos centros educativos da zona. A intención do concello é liberar os accesos de cara ao mes de setembro, para que as obras afecten o menos posible ao funcionamento destes centros. Hoxe o alcalde visitou a intervención, que cualificou como exemplar para o futuro urbano.
Xa se poden ver os primeiros avances das obras de renaturalización do río Gafos ao seu paso por Campolongo. Hoxe o alcalde visitou a intervención, que comezou pola contorna dos centros educativos, na entrada pola rúa Xeneral Rubín.
A prioridade actual das obras céntrase na área situada entre os centros educativos debido á limitación de espazo e á necesidade de realizar escavacións e contencións de terras. Os traballos avanzan para que este tramo quede libre antes do inicio do curso escolar en setembro. Neste sentido, xa se iniciou a reposición do saneamento na marxe esquerda, á altura da escola infantil, e estase a executar a zapata da pasarela peonil máis grande do proxecto, que contará con 12 metros de ancho.
A previsión técnica establece que o levantamento continuo das tapas de formigón da canle comezará durante este mes de xullo neste mesmo tramo para despois continuar río arriba.
No seu avance, as obras afectarán tamén ao parque infantil de Campolongo. Segundo informou o rexedor, nas vindeiras semanas desprazaranse parte dos xogos para que os operarios poidan traballar neste punto.
Recordemos que este proxecto de renaturalización do río Gafos conta cun orzamento de 4,1 millóns de euros e un prazo de execución de 12 meses, ata o 17 de maio do vindeiro ano. A intervención realízase nunha superficie de case 22 mil metros cadrados.











