Máis de 300 padexeiros participarán no 2º Festival Dragon Boat Cidade de Pontevedra

PONTEVEDRA> O Río Lérez acollerá este sábado o “Festival Internacional Dragon Boat Cidade de Pontevedra” de Piragüismo. A competición reunirá na cidade a máis de 300 deportistas chegados de diferentes lugares de España.

Esta fin de semana Pontevedra acolle a segunda edición do Festival Dragon Boat. O evento, que aposta por unha modalidade do piragüismo non olímpica, agarda ser todo un éxito. A concelleira de deportes, Anxos Riveiro, destacou esta mañá en rolda de prensa  a importancia de que se celebre unha cita coma esta que atrae a tanta xente á Boa Vila.

Nesta modalidade de piragüismo, orixinaria de China, compiten embarcacións compostas por 12 ou 14 padexeiros que reman ó ritmo dun tambor situado na parte dianteira. O presidente da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, Óscar Ponte, cre que este festival, no que participarán este sábado máis de 300 deportistas, axudará a que o Dragon Boat consiga máis adeptos na cidade do Lérez.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega, Alfredo Bea, asegurou que esta modalidade deportiva é universal e espera que no futuro poidan chegar a ter un campionato galego.

A competición comezará ás 10:00 horas e rematará ás 18:30 coa entrega de medallas. Dividirase en catro categorías: masculina, feminina, mixta e BCS, na que participan mulleres que padecen ou teñen padecido cancro de mama. Como actividade paralela, está prevista unha charla coloquio ás 13.15 horas na Casa da Luz por parte das participantes nesta categoría.